Mes: Marzo 2024
Apertura do centro de interpretación Aquae Querquennae en Semana Santa
Bande, 18 de marzo de 2024.- O centro de interpretación Aquae Querquennae – Vía Nova reabrirá as súas portas en semana santa.
Do 23 ao 31 de marzo o centro de interpretación Aquae Querquennae – Vía Nova reabrirá as súas portas en horario de 11h. a 14h. e de 16h. a 19h.
Este centro ofrece ao visitante un interesante percorrido polas historias paralelas da Vía Nova e do campamento romano de Aquis Querquennis en dúas plantas expositivas. A planta superior do devandito módulo alberga a exposición permanente que trata de narrar os avatares do pobo galaico-romano dos Quarquernos.
Na planta baixa expóñense aspectos diversos relacionados coas vías romanas, modos de viaxar, técnicas empregadas na construción das vías romanas e decurso topográfico e iconográfico da Vía Nova.
Tamén na planta baixa atopamos A Porta do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés creada co obxectivo de proporcionar a recepción, información e orientación dos visitantes ao parque.
Este xacemento, parcialmente inundado a día de hoxe, ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico e, dentro dos existentes en toda a Península Ibérica, é o máis extensamente escavado, investigado, monumentalizado e posto en valor entre os do seu xénero, ademais de ser un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela (Sobrado dos Monxes).