FESTAS E MERCADOS

O nacemento da Festa do Peixe foi un feito singular e único para a nosa comunidade autónoma. Corría o ano 1971 e por primeira vez celebrábase en Galicia a cuarta edición do campionato nacional de pesca fluvial. A partir desa data, un grupo de amigos, que compartían a súa paixón pola pesca, deciden manter e apoiar ese campionato e co apoio das institucións engrandecer unha festa de profundo arraigamento popular. A Festa do Peixe creou, co paso dos anos, un valor identitario nos banduenses.

55 días despois da Pascua, celébrase a Festa do Peixe.

A riqueza piscícola da que gozan os nosos ríos foi determinante á hora de elixir Bande como sede para aquel campionato. Tradicionalmente peixes (a boga e o escalo) capturadas para degustar o día da festa.

A gastronomía, sempre presente nesta festa, adquiriu nos últimos anos un empaquetado diferenciador. Desde o venres o visitante ten a oportunidade de visitar as distintas casetas gastronómicas nos que poder saborear unha mostra das nosas variadas e tradicionais exquisiteces culinarias, hai que esperar ao domingo pola tarde para acudir ao evento máis concorrido: a degustación de empanadas, pan artesanal dos fornos de Bande e o produto estrela da festa: o Peixe.

Pero a festa ofrece moito máis, un amplo e variado programa de actividades completan a súa oferta os días da súa celebración: música, festa, obradoiros, artesanía...

Pensando nos máis pequenos estableceuse o concurso de " Peixiños" onde os nenos e nenas poden plasmar, en debuxo e plastilina, a súa visión desta festa.

E imprescindible é o campionato de pesca que reúne ao redor de 80 participantes e que se celebra na zona acoutada de Ponche Liñares.

O deporte acapara a maior parte do protagonismo do cartel anunciador da festa, o pavillón de deportes é outro foco de atracción con exhibicións de hóckey, patíns e patinaxe en diversas modalidades.

Moitas destas actividades non se poderían realizar sen a inestimable colaboración e o apoio de diferentes institucións e asociacións.

A Festa do Peixe tivo o seu merecido recoñecemento ao ser declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, mediante resolución do 24 de maio de 2013.

Segundo Fermín Bouza Brey, os «Troteiros» saían por Bande xa a partir de Reis. Os " Troteiros" deben o seu nome a que antigamente os banduenses vestidos con este traxe " trotaban" polas aldeas do Concello de Bande levándolles o Entroido.

O propósito de recuperación da máscara comezou cun labor de estudo na que se constatou que cada aldea tiña unha adaptación do traxe. Extraeuse o común a todos e as primeiras máscaras fixeron a súa aparición no ano 2000. Aínda que a finais dos anos 80, principios dos 90, un grupo de mozos xa recuperara un número significativo de máscaras.

            

O traxe de home consistía nunha camisa branca adornada con hiedra (hoxe utilízanse cintas de cores) e unha capa de gancho branca colocada nas costas, chamadas cuadrantes, que eran fundas de coxíns ou almofadas. Un calzón de lenzo branco, longo ata máis de media perna con cintas iguais ás da camisa e nos laterais brocados en substitución da hiedra que se utilizada antes. Unhas polainas de coiro e uns zapatos negros, aínda que se baralla a posibilidade de que fosen chancas. Como accesorios no traxe levaba unhas chocas na cintura, elemento imprescindible que os etnólogos consideran ahuyentador dos malos espíritos, un gorro de palla engalanado cun espello á fronte contra o mal de ollo das bruxas, e postais antigas que os mozos enviaban ás súas noivas desde o servizo militar. Os « Troteiros» gozaban do privilexio da impunidade.

O traxe de muller é parecido ao do home, pero levaban enaguas brancas con bordados e encaixes, blusas con volantes nos puños e puntilla no pescozo. Luvas brancas nas mans.

Celébranse os días 13 e 28 de cada mes. A feira do día 13, se coincide co domingo trasládase o festivo, e a feira do 28 trasládase ao día seguinte.

As tradicionais feiras do pasado, onde predominaba o intercambio de gando deron paso a un mercado ambulante onde destacan os produtos téxtiles e agrícolas.

O que non cambiou son os populares postos gastronómicos de pulperos, nos que se pode saborear o famoso polbo á feira , e a carne ao caldeiro na praza da vila e nas diferentes tapas. e lugares de comida.

Mercado Xurés

O Mercado Xurés atópase na capital do municipio. Sitúase na antiga praza de abastos de Bande.

Mercado Xurés foi concibido como un espazo de comercialización dos produtos e servizos do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. Un espazo de emprendemento comercial que serve de escaparate dos produtos da zona e un punto de información dos recursos e actividades dos concellos que forman parte do parque. Conta cun espazo destinado á recepción de visitantes, unha área gastronómica e sete postos de produtos alimenticios, artesanía, etc.

O Mercado Xurés abre os primeiros domingos de cada mes de 11h. a 15h.

gl_ES