• Galician (Galego)
  • Español (spanish formal Internacional)
 
   Inicio Coñece Bande Faustino Santalices
 
Faustino Santalices, fillo predilecto

faustino.jpg Faustino Santalices Pérez naceu en Bande o 16 de novembro de 1877. Era o máis vello dunha familia numerosa, un neno de complexión forte, moi esperto e alegre, especialmente mañoso. Estudiou ensino primario en Rubiás e despois marcha a estudia-lo bacharelato a Celanova onde empezou a súa afección pola música. Comezou a tocar de xeito autodidacta a guitarra. Faustino Santalices comezou a súa andaina como instrumentista co gaiteiro de Penatal para converterse nun dos máis famosos e prestixiosos gaiteiro do seu tempo. A súa paixón por este instrumento levouno a buscar métodos artesáns de afinación que fosen cientificamente perfectos, realizando un arduo labor investigador entre os torneiros e rectificando os calibres ata fabricar os seus propios instrumentos. Ademais redescubriu un instrumento tradicional practicamente desaparecido: a zanfona. Buscou e amañou unhas trinta zanfonas e a súa sona interpretando este antigo instrumento foi aínda maior que o de gaiteiro. Escribiu sobre estes instrumentos no artigo ?A gaita galega? e outros artigos cos que participou nos debates arredor deste instrumento nos xornais da época, publicou o breve ensaio en forma de folleto ?La zanfona. Esbozo de método relativo a este ancestral instrumento y breve estudio histórico.literario y técnico con esquemas e ilustraciones para su aprendizaje?, con prólogo de Ramón Cabanillas e recolleu ó longo da súa vida numerosas pezas tradicionais que se conservaron en partituras manuscritas. Santalices conseguiu tamén que a Deputación de Lugo crease un taller-escola no que se continuasen facendo zanfonas e é, se cadra, responsable de que mesmo hoxe poidamos gozar do seu son saudoso. Morreu o 6 de decembro de 1960 en Madrid.


Con data 6 de xullo de 2000 nomeouse a D. Faustino Santalices Pérez fillo predilecto de Bande a título póstumo.