• Galician (Galego)
  • Español (spanish formal Internacional)
 
   Inicio Ocio Festas
 
Festas

TroteirosSon numerosas as celebracións festivas que se reali­zan en Bande. O calendario festivo inclúe polo menos dezaseis ao longo do ano, na súa maioría propiciadas polos patronazgos das súas moitas capelas. Algunhas destas festas son de gran tradición como a do San Roque, e outras tratan de dar a coñecer a riqueza gastronómica da nosa terra, como é a festa do peixe.

As festas que teñen lugar en Bande e aldeas ao longo do ano son unha boa excusa para achegarse ata aquí e desfrutar da hospitalidade das nosas xentes.

Feiras mensuais

Celébranse os días 13 e 28 de cada mes. A feira do día 28 se coincide a domingo pásase ó día seguinte, e a do 13 ó día 15. As tradicionais feiras do pasado, onde predominaba o intercambio de gando deron paso a un mercado ambulante onde destacan os productos téxtiles e agrícolas. O que non cambiou son os populares postos gastronómicos de ?polbeiras?, onde se pode saborear o famoso ?polbo á feira?, e de ?carne ó caldeiro? na praza da vila e nos distintos locais de tapas e comidas.

Festa de San Sebastian

Celébrase o día 20 de xaneiro.

O entroido

A máscara típica do Concello de Bande é o ?troteiro?. A súa recuperación comezou cunha labor de estudio, saíndo as primeiras máscaras no ano 2000. Deben o seu nome a que antigamente e saíndo de diferentes parroquias ?trotaban? polas aldeas do concello levando o Entroido. Cada aldea tiña unha versión do traxe, colleuse o común a todos eles e fíxose un modelo. O traxe de home consistía nunha camisa branca adornada con hedra (hoxe empréganse cintas de colores) e unha capa de gancho branca colocada nas costas, chamadas cuadrantes, que eran fundas de coxíns ou almofadas. Un calzón de lenzo branco (cirolas), longo ata máis de media perna con cintas iguais ás da camisa e nos laterais brocados en substitución da hedra que se empregaba antes. Unhas polainas de coiro e uns zapatos negros, aínda que se baralla a posibilidade de que fosen chancas. Como accesorios o traxe levaba unhas chocas á cintura, un gorro de palla engalanado cun espello á fronte contra o mal de ollo e as bruxas, e postais antigas que os mozos enviaban ás mozas dende a servicio militar. Cun pao os ?troteiros? tentaban levantar as saias das mozas.
O traxe de muller é semellante ó do home pero levaban enaguas brancas con bordados e encaixes, e blusas con volantes nos puños e puntilla no colo. Guantes brancos nas mans e botas negras.

Festa do Peixe

O último fin de semana de maio ou o primeiro de xuño celébrase esta festa co obxectivo de promove-la riqueza gastronómica, así como dar a coñece-las potencialidades cinexéticas e turísticas da zona cun concurso de pesca de ámbito provincial. O seu nacemento débese á iniciativa dun grupo de amigos que compartían a súa paixón pola pesca e que fai máis de 30 anos decidiron realizar un concurso que se repite ano tras ano ata a data de hoxe. O seu arraigo superou o paso do tempo cumpríndose, no ano 2006, a súa XXXIII edición, sendo unha das máis antigas de Ourense. Así mesmo aumenta o número de pescadores que acoden a esta cita anual así como a procedencia dos mesmos. Para levar a cabo o concurso o Concello de Bande conta tódolos anos coa colaboración da Federación Galega de Pesca que se encarga de velar polo bo transcorrer do evento, realiza-las pesaxes e entrega de trofeos. O acto culmina o domingo cunha multitudinaria degustación de peixes, empanadas, ..., todo regado cun bo viño e pan de millo.

Feira-Mostra de recursos Endóxenos

Esta feira ten lugar no verán, durante a primeira quincena de agosto. Ten como  obxectivo a potenciación de productos locais cunha especial atención ó sector artesanal e gastronómico. Ademais dunha visita para coñecer a ampla oferta que ofrecen os stands: artesanía en pedra, bixutería, pintura, exposición e restauración de mobles, obradoiros de cestería, embutidos, fotografía dixital, requeixo, mel, doces, licores, etc. o visitante pode saborear típicos pratos na carpa restaurante. Esta oferta compleméntase con diversas actividades de animación para pequenos e maiores que se realizan ó longo do día.

Festa do San Roque

Ten lugar o terceiro fin de semana do mes de agosto durante catro días, coincidindo co maior número de visitantes na zona.

Festas nas nosas parroquias

En case todas as parroquias se celebran festas populares na honra dos seus patróns, e mesmo nalgunhas existe a tradición de festexar a santos diversos en varios momentos do ano. De seguido indícanse as advocacións e datas cronolóxicas aproximadas das festas:

  • Buxán 3 de febreiro en honor a San Blás
  • Santa Comba 3 de febreiro en honor a  San Blás
  • Guin, A Ponte Liñares y Sordoses en maio en honor a Virxe da Ascensión
  • Porto Quintela 15 de maio en honor a  San Isidro
  • Carpazás en maio ou xuño, Corpus
  • Recarei e Vilar e 13 de xuño en honor a  San Antón
  • Seoane e Garabelos 24 de xuño en honor a  San Juan
  • Ribeiro 4 de xullo en honor a Santa Isabel
  • Os Baños, Lebosandaus e As Maus 11 de xullo en honor a San Benito
  • Lueda 18 de xullo en honor a Santa Marina
  • Nigueiroá 25 de xullo en honor a Santiago Apóstolo
  • Mexide e O Pazo 29 de xullo en honor a Santa Marta
  • Pereira primeiro fin de semana de agosto en honor a Santa Magdalena
  • Sarreaus 5 de agosto en honor a Virxe das Neves
  • Martiñán 7 de agosto en honor a  San Mamede
  • Corvelle 15 de agosto en honor a Santa María
  • As Forcadas 17 de agosto en honor a San Bartolomeu
  • Cadós, Cima de Vila, A Granxa e Ponte Cadós 30 de agosto en honor a  San Ramón
  • Rubiás, Pazos, Pumares e O Souto (romaría) 8 de setembro en honor a Virxe dos Remedios
  • Vilameá 29 de setembro en honor a  San Miguel
  • Ribeiro primeiro fin de semana outubro en honor a Virxe do Rosario
  • Calvos primeiro fin de semana outubro en honor a Virxe da Victoria
  • Vilela 30 de novembro en honor a  San Andrés
  • Trarigo 3 de decembro en honor a  San Francisco
  • Pereira  primeiro fin de semana de decembro ''festa do pan de trigo e centeo da Baixa Limia''